AS POBOACIÓNS ANTIGAS ESTIVERON EXPOSTAS Á CONTAMINACIÓN ATMOSFÉRICA POR MERCURIO EN GALICIA
Un estudo levado a cabo polo grupo EcoPast e que agora se recolle na prestixiosa publicación, Journal of Archaeological Science, apoia a hipótese de que a maioría das poboacións antigas – igual que na actualidade – tiveron unha exposición crónica a baixos niveis deste metal durante a súa vida.
Este traballo forma parte da tese doutoral da galega Noemi Álvarez Fernández que elevará a Galicia como pioneira no estudo de mercurio en restos óseos arqueolóxicos.
A revista Journal of Archaeological Science, líder no campo da arqueoloxía, faise eco no seu último número dun estudo do grupo de investigación da USC, EcoPast, sobre o impacto da exposición crónica ao mercurio en poboacións antigas. Liderado pola investigadora Noemi Álvarez Fernández, en colaboración outros dous membros do grupo EcoPast, Antonio Martínez Cortizas e Olalla López Costas, o artigo avanza entre as súas conclusións que as poboacións romana e tardoantigua que viviron na Lazanda entre os séculos I e VII AD estiveron expostas de forma crónica a niveis relativamente baixos de contaminación atmosférica por mercurio, o cal contrastaría con investigacións previas, centradas no estudo de altas concentracións deste metal relacionadas principalmente con ritos de enterramento, tratamentos médicos ou, mesmo, envelenamento.
O traballo levado a cabo polas investigadoras de EcoPast a partir da colección de esqueletos da necrópole da Lanzada permitiu estudar a exposición á contaminación atmosférica por mercurio nun lapso de tempo ininterrompido de 700 anos que, ademais, abarca dous períodos moi diferentes no que a contaminación atmosférica refírese: período romano (AD s. I – IV) e tardoantiguo (AD s. V – VII), o que lles permitiu observar como afectan os cambios na interacción humano-ambiente nas propias poboacións humanas.
Os esqueletos da Lanzada axúdannos a entender a contaminación hoxe
Este traballo profunda en como se transfire o mercurio ao noso esqueleto utilizando restos arqueolóxicos. Vemos por exemplo que todos os ósos están igualmente afectados cando a exposición é crónica, mentres que en contactos puntuais pero graves o esqueleto reflícteo con diferenzas entre os seus ósos: unha costela tería máis mercurio que un fémur.
Este traballo tamén permite entender cal é o alcance poboacional da exposición a metais tóxicos, xa que os nenos están igualmente afectados que as persoas adultas. Con todo, os nenos son moito máis sensibles a esta exposición podendo desenvolver problemas de saúde graves. As poboacións antigas son unha fonte inesgotable de coñecemento porque nos permiten entender a contaminación por mercurio nunha gran diversidade de escenarios que doutra maneira non sería posible.
Explotacións mineiras e contaminación atmosférica
Durante o período romano a Península Ibérica foi a gran mina do imperio, sobre todo se falamos de mercurio. Cando o imperio romano cae, cae con el esta intensa explotación de recursos mineiro-metalúrxicos. As consecuencias deste cambio ven reflectidas nos rexistros ambientais, que mostran niveis de contaminación atmosférica moi diferentes para estes dous períodos. Grazas a esta investigación, agora vemos a pegada do impacto da explotación intensiva dun recurso natural nas propias poboacións humanas.
Esta pegada que quedou rexistrada nos ósos dos seus habitantes, permítenos extraer unha lección do impacto que ten a contaminación ambiental sobre a poboación, especialmente cando falamos dun metal cunha toxicidade tan elevada como a do mercurio. Ademais, durante a antigüidade, este metal tivo diversos usos culturais; entre eles o seu emprego con fins medicinais ou a utilización do cinabrio – un mineral de cor vermella brillante, con alto contido en mercurio – en rituais funerarios ou na elaboración de pigmentos como o vermillón. Outras das aplicacións habituais do mercurio é o seu uso na extracción de ouro ou na fundición doutros metais como a prata, o que seguramente é o detonante do incremento da súa presenza atmosférica na época de maior explotación mineira.
A contaminación con metais pesados na actualidade
Aínda que a priori podamos pensar que nada temos que ver co mundo antigo, en realidade a contaminación atmosférica ha estado presente ao longo de toda a nosa historia. Estudos como o de EcoPast permítennos asomarnos un pouco máis ás consecuencias directas que tivo a explotación da contorna sobre o conxunto da poboación a través da contaminación atmosférica, unha contaminación do aire que se ha ir incrementando considerablemente ao longo dos séculos.
“Neste estudo demostramos que a contaminación crónica por mercurio xa era un problema no período romano, como un prezo que tiñan que pagar pola intensa actividade mineira e metalúrxica na Península Ibérica. Hispania era a mina de Roma e como consecuencia os seus habitantes estaban contaminados por mercurio mesmo en áreas tan illadas como A Lanzada”, explica Noemi Álvarez, que aproveita para chamar a atención sobre o impacto da contaminación que observamos nestes momentos de pandemia que estamos a vivir, nos que non debemos esquecer que a contaminación atmosférica xoga un papel importante na gravidade da enfermidade.