Os arqueólogos Pilar Prieto e Luis Cordeiro presentan novas claves para comprender os ‘henge’, enigmáticas estruturas “rituais” localizadas nos últimos anos.

Soterrados baixo terra, cubertos de eucaliptos, situados en pendente… Inda non teñen nome propio e non deixan de aparecer ao longo do territorio galego. De respostar ás moitas preguntas que xorden ao redor destes círculos invisibles estariamos a coñecer un período moi descoñecido da nosa historia.

Levan en Galicia tres mil anos pero nin existían nas publicacións arqueolóxicas nin parecían permanecer na memoria popular. Poucas veces sucede algo tan abraiante no estudo do nosos pasado. Ata o 2006, cando se escavou a Roda de Barreiros, en Galicia non se coñecía un tipo de monumentos prehistóricos que foron denominados ‘henge’, pola súa proximidade con estruturas circulares prehistóricas similares nas Illas Británicas. Quince anos despois, o panorama cambiou de xeito radical. A día de hoxe os expertos xa identificaron 43 por todo o país e a cifra segue a medrar sen parar.

Os ‘henges’ galegos son estruturas circulares ou ovais, delimitadas por un parapeto de pedra en terra e en ocasións delimitados por un foxo. Un 64% dos recintos estudados teñen entre 46 e 64 metros de diámetro. Se fosen castros, serían castros moi pequenos, pero é que ademais pola súa localización e a envergadura non seguen as pautas dos poboados da Idade do Ferro. Non aproveitan o relevo para mellorar a súa defensa, os seus muros son baixos, a súa visibilidade pode ser moi reducida. As escavacións arqueolóxicas tamén confirmaron que, cando menos nos tres intervidos ata o momento atópanse características tan comúns como singulares. Non estiveron habitados e conservan ás veces foxas con restos de cerámica e ás veces material orgánico que permitiron precisar a súa cronoloxía como do final da Idade do Bronce.

Vinculan estes xacementos a unha función ritual. Poderiamos falar dunha paisaxe sacra de finais da Idade do Bronce, da que iremos sabendo máis a medida que se vaian escavando e confirmando. Fálase en efecto de foxas nalgúns deles e no caso da Roda de Barreiros infórmase dunhas pedras deitadas no seu interior tipo menhir, alí dispostas. Aínda que os seus usos relixiosos ou simbólicos aínda están, en gran medida, por descubrir, a análise da distribución destes 43 monumentos confirmados comeza a revelar algunhas pautas. Están case sempre localizados en zonas intermedias, próximos a rupturas de pendentes, vanse adaptando ao terreo. Moitas veces están en ladeira, como Monte Buxel, co terreo en pendente. E parecen localizacións invisibles na paisaxe.

Ó situalos sobre o mapa de Galicia aparecen outras pautas. Hai localizados uns 19 que parecen vinculados ós cursos fluviais dos ríos Miño e Sil e ós seus afluentes Narla e Lor. Pero os ‘henges’ aparecen tamén noutras zonas: na Galicia central, no Deza, están localizados uns 6 e despois hai algúns outros dispersos por outras zonas de Galicia, como Redondela, a provincia de Ourense ou o Barbanza, aínda que as diferencias por provincias poden ser artificiosas. O motivo é que non é nada doado localizar estes xacementos: hai que empregar ferramentas de visualización coma o LiDAR que permiten atopar xacementos difíciles de apreciar doutro xeito. Hai zonas de Galicia que polas características do solo e os seus usos puideron terse preservado mellor que noutros lugares.

Outra característica notable destes recintos circulares é a súa proximidade a campos de mámoas. En Portomarín está moi preto de mámoas, e en Coto Grande tamén ten visibilidade sobre un campo de mámoas. Pero hai que ter moita cautela porque se cadra pertenzan a períodos diferentes e non sabemos moi ben como se relacionan. Algúns deles, coma no Cornado (Arzúa), ou en Ventosiños (Coeses) atópanse na proximidade de castros, pero aínda non está claro que tipo de relación existe entre os dous momentos, que poden pertencen, en teoría, a épocas distintas.

Un aspecto singular é como a tradición oral galega, tan precisa no ámbito da toponimia, non identifica estes xacementos de maneira especial. Chamados ás veces ‘roda’, outras veces ‘castriño’ ou ‘castrillón’. Un dos aspectos máis chamativos é que non parece conservarse folclore destes xacementos. Por exemplo, en Outeiro Redondo, en Castrelo de Miño, malia tratarse dunha estrutura de grandes dimensións, os veciños non lembran nada sobre ese lugar.

De feito, o termo ‘henge’ empregado ata o momento pode ser moi equívoco. Foi usado ao principio polos escavadores da Roda de Barreiros porque era o tipo de monumento máis acaído, pero os ‘henges’ británicos comezan no Neolítico e chegan ata o 1500 a.C., aproximadamente. Os círculos galegos parecen ser posteriores, de finais da Idade do Bronce, nun período que podería ir entre o 1600 e o 900 a.C.. Dispoñer dunha palabra propia para definir esta realidade non é asunto menor.

Unha dos aspectos máis chamativos é a escaseza de paralelos para este tipo de construcións, dentro do rango cronolóxico sinalado. Na publicación dos resultados da escavación da construción anual de Ventosiños (Coeses, Lugo), os arqueólogos Diego Piay, Juan A. Cano Pan e Juan Naveiro vinculaban esta construción intervida durante a construción da autoestrada Santiago-Lugo cos coñecidos como ringworks, recintos circulares dunha cronoloxía similar, 1100-800 a.C., localizados na parte oriental de Inglaterra. Pero estas construcións, con estas características e cronoloxía, parecen xurdir no territorio da actual Galicia e non estenderse. “Aínda que hai algúns recintos na Meseta, non coñecemos nada exactamente similar na Península Ibérica”, afirma Cordeiro.

Quince anos despois de primeira escavación dun recinto, comeza a existir unha fotografía global, pero aínda en construción, dun novo tipo de monumento do pasado de Galicia. Temos unha paisaxe monumental que nos fai revisar o termo ‘castro’ e a medida que se vaian analizando teremos indicios deste mundo diferente. Ata o momento, as trazas máis visibles da Idade do Bronce eran os petróglifos que enchen os montes do país. Pilar Prieto e Luis Cordeiro están a preparar unha publicación que recolla o estado actual de coñecemento sobre os ‘henge’ galegos. Pero mentres seguen a escribir, por todo o país, novos monumentos invisibles da Idade do Bronce non deixan de aparecer.