O Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, acolleu a primeira sesión (25 de setembro) das “I Xornadas de Xénero, Arqueoloxía e Patrimonio en Galicia”. A segunda sesión (26 de setembro) realizouse no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Estas xornadas, que contan coa financiación da rede CONSILIENCIA, están organizadas por Celtia Rodríguez, Andrea Mouriño, Elvira Mangas, Noemi Álvarez, Laura Blanco, Lorena Barreiro, Verónica del Río e Fátima Sánchez, todas elas membros da Asociación galega “ARQFEM: Arqueoloxía Feminista”. Asemade, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o Consello Galego de Museos e de grupos de Investigación das diferentes Universidades Galegas como son “SÍNCRISIS: Investigación en Formas Culturais”, “EcoPast”, e “Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT)”.

Os movementos sociais dos últimos anos están a mudar as correntes de pensamento nas ciencias. Este é o caso dos estudos de xénero, que xa se comezan a aplicar ás diferentes disciplinas. E en Arqueoloxía tamén.

O estudo do Patrimonio, a súa valorización e todo o que xira arredor del, ten como obxectivo para os próximos anos entender, visualizar e difundir o pasado, e o presente, dende un punto de vista inclusivo. A sociedade contemporánea, conformada por múltiples e diversas identidades, reclama ter representación no seu conxunto, asemade ser valoradas no concepto de Patrimonio Cultural Galego, da mesma maneira que ás persoas que traballan en dito ámbito (Investigadoras e técnicas).

Por iso, as “I Xornadas de Xénero, Arqueoloxía e Patrimonio” teñen como obxectivo fundamental reunir a diferentes especialistas no tema do patrimonio, dende os tódolos eidos da ciencia arqueolóxica.

En todos eles tratarase a situación das mulleres nestes campos, os problemas aos que se enfrontan e tamén as perspectivas de futuro. En cada bloque escoitaremos a 4 profesionais que farán unha pequena introdución ao seu traballo, seguida dunha táboa redonda na que debaterán sobre a situación actual da muller nos seus respectivos ámbitos de traballo e sobre as posibles solucións e vías de acción e reivindicación.

Polo tanto, o que se pretende é chamar a atención sobre aspectos tan importantes como a desigualdade de xénero e o papel da muller dentro do patrimonio cultural galego. Á vez, as xornadas servirán para compartir os puntos de vista das profesionais que levan anos traballando no eido patrimonial e arqueolóxico cun público máis ou menos vinculado a esta área. Dando a coñecer ás nosas asistentas as novas perspectivas de xénero e feminismo que están a desenvolverse tanto no plano galego como no internacional no ámbito do patrimonio cultural.